Saturday 27 de April de 2024

A Pobra proxecta un filme sobre Moncho Reboiras no Mes da Galiza Mártir


O teatro cine Elma albergará no 25 de agosto, ás 20.00 horas, a proxección do filme Reboiras. Acción e corazón, de Alberte Mera; acto que contará coa presenza de Xesús Seixo, presidente da Fundación Moncho Reboiras, e Uxío Breogán Diéguez, apoderado da institución.

A dita longametraxe leva á pantalla un retrato de Moncho Reboiras dende a vertente humana e política. A súa vida e o seu pensamento son recreados a través de entrevistas a 28 testemuñas que compartiron con el distintas etapas da súa traxectoria vital. Inclúe, ademais, filmacións históricas e revive as súas últimas horas mediante secuencias de ficción.

Esta acción adscríbese á programación do Mes da Galiza Mártir posta en marcha pola Concellaría da Memoria Histórica da Pobra do Caramiñal, da cal é titular o edil Xabier Santos (BNG), e que tamén incluíu unha representación teatral, unha ofrenda floral e a exposición do bosquexo da escultura pola memoria histórica prevista para inaugurar a finais de ano.

A entrada é libre ata completa-la cabida.